biogRafíA


DOMINGO FONTÁN RODRÍGUEZ naceu o 17 de Abril de 1.788 en Porta do Conde, parroquia de Portas (Pontevedra):
“Alí naceu Fontán. Unha breve lenda o indica. En plena terra xenerosa do Salnés, flanqueada suavemente ao Occidente mariño, infestada de pazos e lendas, decorado de piñeiros e vides, preto do evocador Lantaño de memorias caballerescas, e Portela do Conde...”. (Otero Pedrayo).
O propio Domingo Fontán relata os primeiros anos da súa formación académica na parroquia de Santo André de Valiñas: “Eu aprendín a ler e escribir cun mestre malísimo, a quen eu ensinei logo a contar.”
Foi docente, investigador e político, representante da Provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes, director do Observatorio Astronómico de Madrid, presidente da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, director da Escola Especial de Enxeñeiros Xeógrafos,...
Dedicou gran parte da súa vida á Universidade, onde estudou Teoloxía, Filosofía, Artes e Ciencias,... Foi alí onde coñeceu ao profesor José Rodríguez González (“o matemático do Bermés”) quen lle inspirou para empregar a triangulación na súa tarefa cartográfica e lle puxo en contacto coas novidades que se ían sucedendo por toda Europa neste campo.
Como bo ilustrado, estaba preocupado por mellorar a vida da súa terra promovendo o seu desenvolvemento e consideraba que dispor dun mapa preciso do territorio favorecería a súa organización e comunicación. Así, en 1.817, comezou a súa  obra máis importante: a Carta Xeométrica de Galicia, un proxecto incrible naqueles tempos e que foi toda unha novidade para Europa.

O proxecto levoulle 17 anos, durante os que viaxou a todas as parroquias, xa fose a cabalo ou a pé, atopando numerosos problemas de todo tipo.
O propio Fontán declarou: “A nosa ocupación era recoñecer e debuxar o país, en rubir, e estacionarnos en montañas desertas, pernoitando en chozas miserables, fuxindo das distraccións e comodidades que ofrecen os pobos (...). Fun acollido dun xeito lisonxeiro nos pobos, non polas ordes que levaba, senón porque estaba dedicado ao ensino”.
A súa construción realizouse a través da Xeodesia Matemática, por medio de observacións astronómicas, triangulación e nivelación planimétrica. O primeiro paso foi obter (mediante observacións astronómicas) a latitude, lonxitude e acimut da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, para determinar do xeito máis exacto posible a posición xeográfica.
As alturas fixounas sobre o nivel do mar en Noia, onde o seu irmán realizaba observacións metereolóxicas (presión e temperatura) para despois realizar os cálculos necesarios. Algunhas das alturas determináronse con barómetro e outras trigonometricamente.
A escala é 1:100.000 (un adianto con respecto a outros mapas oficiais europeos), o que evita a masificación de datos para que non resulte complexo aos non expertos. Para a representación do relevo empregou pequenos trazos (“normais”) que seguen a dirección de “máxima pendente”, e que foi modificando para aumentar a sensación de volume.
Fontán dirixiu persoalmente as labores de gravado e estampación da súa obra en París, no obradoiro do experto gravador L. Bouffard quen realizou unha caixa de 215x234 cm dividíndoa en 12 partes. O gravado realizouse sobre pedras litográficas calizas con cincel, e a primeira edición estampada sobre papel saíu en 1.847.

Domingo Fontán morreu o 24 de Outubro de 1.866 en Cuntis, aos 78 anos, e os seus restos descansan no Panteón de Galegos Ilustres na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Comentarios

Entradas populares